
Sentado ao lado duns descoñecidos e bebendo unha cervexa ben fría vía o partido de fútbol na televisión de sesenta pulgadas. O bar estaba cheo, sempre o estaba en ocasións especiais.
Quedara de toparse alí cuns amigos pero xa pasaba media hora da hora que acordaran e polo local aínda non apareceran.
Entablou conversa con dou tipos que estaban cerca del: que se ao árbitro había que esnaquizarlle a cara, que se tal xogador era un paquete… Estaba aburrido desas cantilenas. Pero de algo había que falar…
O caso é que, xa sen esperalo, deu en presentarse no bar unha das persoas coas que quedara: coñecido máis que amigo pero de certa confianza.
O coñecido —Lois— díxolle que o acompañase a fóra porque lle tiña que contar algunhas noticias sorprendentes e non moi boas: non chegaran á hora estabelecida porque a Felipe, o terceiro en discordia, e verdadeiro amigo do noso protagonista —Carlos— lle sucedera algo terríbel: acababa de sufrir un aparatoso accidente de coche, segundo lle dixera Ana: irmá do accidentado.
Lois e Carlos dirixíronse cara a zona do accidente, acompañados por Ana. Unha vez chegaron ao lugar viron a ambulancia, o coche de atestados e dous ou tres vehículos máis da Garda Civil.
Os gardas observáronos e decatáronse que debían ser familiares ou amigos do accidentado porque a rapaza viña chorando. Entablaron conversación e un dos gardas díxolles con cara de incredulidade:
— O coche quedou inservíbel, destrozado; pero o máis estraño é que non logramos encontrar o corpo de seu irmá.
Ana non daba creto. A zona que circundaba o coche non contiña vexetación en abundancia nin moitas árbores. A visibilidade era bastante boa. Enrabietouse e esixiulle aos gardas que debían facer o seu traballo como é debido, e con esmero. De ser así seguro que atoparían o cadáver (xa o daba por seguro).
A Carlos, despois de oír a noticia da inexplicábel desaparición do Felipe, non lle quedaron ganas de seguir leriando con ninguén e decidiu sentarse nunha rocha que estaba un pouco afastada do lugar do sinistro e fumar un pito.
Ao rematar o primeiro, acendeu outro. Facíao cando estaba nervioso: fumar de xeito compulsivo. Mentras calmaba os nervios detivo a súa mirada nunha formación rochosa próxima a el. A formación albergaba unha pequena abertura, coma unha especie de cova, e semellaba que dentro dela se reflectía unha pequena luz escintilante. A luz insinuaba unha silueta case humana.
Carlos levantouse, e inconscientemente, sen avisar a ninguén, dirixiu os seus pasos cara a aquela zona. Quería averiguar que era aquel feito estraño.
Share